La exposición El Camino Portugués. Memorias de mar y piedra, que el Museo Centro Gaiás acogió entre octubre de 2021 y abril de 2022 puede visitarse también en línea a través de una completa visita virtual.
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra é un proxecto expositivo e editorial que retrata as realidades e paisaxes que conforman o itinerario do Camiño Portugués e tece un diálogo entre a fotografía do pasado e as olladas do presente. De Porto a Santiago de Compostela, as paisaxes, a vida nas prazas das aldeas, os monumentos e as escenas cotiás que foron inmortalizadas en séculos pasados volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada. Trátase, por tanto, dun proxecto que nos brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do camiño accesible a todas e todos.
En 120 fotografías e a través da ollada de 42 fotógrafos e fotógrafas, a mostra aproxímase á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez. Grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron por este sendeiro préstannos os seus ollos e as súas impresións para que nos embebamos das imaxes e das emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel.
Ao tempo, firmas destacadas das nosas letras e escritoras e escritores doutros lares e doutros tempos aderezan coas súas verbas o percorrido e móvennos á reflexión e ao pensamento, a un exercicio de introspección co que sementar na memoria de cadaquén o seu propio relato do camiño. A exposición serve de estímulo ao espertar dunha nova memoria colectiva arredor do traxecto. Bríndanos recursos cos que re-visitar eses lugares que nos son coñecidos ou abre para nós unha fiestra dende a que contemplar aqueloutros que aínda non percorremos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario